Sin categoría

Labreg*s do Tempo dos Sputniks e Celso Emilio Ferreiro

12392035_927818140628685_3649982010424379135_n

Cinco temas do disco Libremente son poemas de Celso Emilio Ferreiro, o nome do grupo é un verso dun poema do autor de Celanova, a xénese dos Labreg*s está no poeta de Celanova…

Ao García agasallárono cun exemplar de Longa noite de pedra e pouco tempo despois xa lle puxera música a “Son un pasmón”. Despois un monográfico da revista Arraianos dedicado ao poeta Celso Emilio pon en contacto o rap do García e o punk do Leo. Deste encontro nace o proxecto dos Labreg*s do Tempo dos Sputniks. O punk e o Hip Hop, que actualiza a rebeldía musical e procede da rúa, únense ao versos de Celso Emilio, o poeta da resistencia contra a ditadura, o cuarto labrego.

Podes ler como nace o grupo neste artigo de El País

Aquí tedes os cinco poemas de Celso Emilio e as músicas dos Labreg*s na orde en que aparecen no disco
Tedes ligazóns a audios ou vídeos en cada unha das cancións.
Inserimos tamén as citas que acompañan cada música no caderno das letras.

LIBREMENTE
Audio
Letra: CE Ferreiro/ Música: Labreg*s.

“Emancipate yourselves from mental slavery”, BOB MARLEY

Nós queríamos libremente
comer o pan de cada día. Libremente
mordelo, masticalo, dixerilo sin medo,
libremente falando, cantando nas orelas
dos ríos que camiñan pra o mar libre.
Libremente, libremente,
nós queríamos somente
ser libremente homes, ser estrelas,
ser faíscas da grande fogueira do mundo,
ser formigas, paxaros, miniños,
nesta arca de Noé na que bogamos.
Nós queríamos libremente surrir,
falarlle a Dios no vento que pasa
-no longo vento das chairas e dos bosques-
sin temor, sin negruras, sin cadeas,
sin pecado, libremente, libremente,
coma o aire do mencer e das escumas.
Coma o vento.
Mais iste noso amor difícil rompeuse
-vidro de soño fráxil-
nun rochedo de berros
e agora non somos máis que sombras.

CELSO EMILIO FERREIRO, Longa noite de pedra.

NOTA NECROLÓXICA
Audio
Letra: C.E. Ferreiro/ Música: Luís Emilio Batallán/ Arranxos: Leo e Labreg*s.

“Don´t believe de hype”, PUBLIC ENEMY

Deron os abecedarios
a nova da túa morte,
meu vello can de palleiro,
meu vello can de palleiro,
abandonado da sorte.
Un poeta sin fortuna
morto de morte matada
mentras soñaba coa terra,
mentras soñaba coa terra,
malferida a malpocada.
A moura necroloxía
resultou ser unha trola
da xente anana e mezquiña,
da xente anana e mezquiña,
a quen o teu verbo esfola.
Xente á que debes decirlle
surrindo e sin acritude:
os mortos que vós matades,
os mortos que vós matades,
gozan de boa saúde.
Pode o corpo ser vencido,
pode o dereito ser torto,
mais o lume que alampea,
mais o lume que alampea,
xamais o veredes morto.

C. E. FERREIRO, Cimenterio privado, 1973

DEITADO FRENTE AO MAR
Letra: C. E. Ferreiro/ Musicación do poema rapeado: O García/ Arranxos: Labreg*s
Versión de DKTC

“Que siempre la lengua fue compañera del imperio”, ANTONIO DE NEBRIJA A ISABEL LA CATÓLICA

Lingoa proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque sí, porque quero, porque me gosta,
porque me peta e dame a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa nin saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta,
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruis e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os baleiros,
non falo pra os estúpidos,
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruis e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os baleiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo,
Galicia, dóce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño…

C.E.Ferreiro, Longa noite de pedra, 1962

SON UN PASMÓN
Audio

Letra: C.E. Ferreiro/ Musicación do poema rapeado: O García/ Arranxos: Labreg*s

Porque nom se pode conseguir a liberdade sem começar já a viver livremente, e para isso necessitamos bases materiais: maos e Terra”, CARLOS CALVO VARELA

Son un pasmón
peatón
con opinión,
dicindo a verdade núa
pola rúa.
Nunca fun usuario
de automóbil suntuario
nin tampouco utilitario.
Camiño a pé
e por iso é polo que
vexo o mundo tal cal é.
Sei da cobiza burguesa
e do furor proletario.
O pan gárdase na artesa
e a fame ronda a diario.
Ando sen présa,
nada altera o meu horario,
nin couta o meu comentario.
Non teño medo
do que o tempo traguerá,
porque sei que tarde ou cedo
o que ha de vir chegará.
Horaboa ou horamá?
¡Tanto me dá!
Ogallá
me colla vivo a noticia.
¡Que gran ledicia
ver chegar o que virá!
Para o gran suceso,
xa está aceso
acolá moi lonxe, un lume
que no mundo prenderá
e queimará
a fedenta podredume.

Camiño a pé
e por iso é polo que
vexo o mundo tal cal é.

Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s